Curso 15-16. En marcha!!

No blog de Ciencia contemporánea, despois do descanso estival, poñémonos novamente en marcha. Comezamos unha nova andaina de reflexión e debate sobre ciencia que a bo seguro vai ser tamén de aprendizaxe e goce. Atopámonos aquí; benvidos/as!

 

Comezamos nova andadura

Si amigos e amigas; o blog de ciencia contemporánea do IES de Brión ponse a andar neste curso 14-15. Abrimos novamente  este espazo para comentar noticias relacionadas científicas, para aprender e, en definitiva… Para compartir a nosa paixón pola ciencia e o medio natural!

Xa podedes mandar os vosos post e comentarios!

 

Despedida do curso 13-14

imagen

Un ano máis despedimos a actividade do blog de ciencia do IES de Brión. Durante este curso participaron alumnos e alumnas de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato que co seu esforzo: buscando noticias interesantes relacionadas ca ciencia, presentándonolas de xeito atractivo e fomentando o debate e a curiosidade arredor delas, conseguiron mantelo.

Grazas!

Ao longo deste curso tivemos tamén actividades que merecen unha mención especial, como a visita ao Centro de Investigacións sanitarias de Santiago de Compostela. Pouco despois desta Lucía Adeva e Marina González escribían o seguinte:

 O pasado venres 21 de marzo os compañeiros/as de bacharelato tivemos a opotunidade de visitar o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela. Este encárgase do estudo en biomedicina, que leva as ciencias da natureza á práctica clínica. Como ben vimos, está estruturado en diferentes seminarios, que abordan as enfermedades que máis afectan á poboación (cardiovasculares, cancro, metabólicas, neurolóxicas…) para tratar de conseguir fármacos.

Esta entidade foi constituída en 2008, e é o resultado da fusión de máis de 120 grupos de investigación. Nel teñen cabida tanto biólogos, químicos e médicos, como técnicos (de laboratorio, anatomía patolóxica, etc), físicos, matemáticos…

Durante a visita fixemos un percorrido por distintos laboratorios onde puidemos observar o día a día dos investigadores e a súa dinámica de traballo. De forma específica, visitamos o departamento dedicado á investigación oncolóxica, onde puidemos observar e manipular tecidos tumorais.

Para nós, este tipo de visitas resultan moi enriquecedoras, xa que nos abren novas ventás de cara o mundo da ciencia.

 

Tamén tivemos a oportunide de entrevistar para a radio do instituto a  Francisca Lago, investigadora do IDIS que nos falou do traballo dos e das científicas, das dificultades e esixencias pero tamén das alegrías dunha vida dedicada á ciencia, podedes escoitar a entrevista na seguinte ligazón:

http://radiodoiesdebrion.wordpress.com/2014/06/04/entrevista-a-francisca-lago-investigadora-do-idis/

 

Ríos… de vida?

 Peixes con dúas cabezas, caranguexo americano, Ibuprofeno ou anticonceptivos nos nosos ríos… Estas e outras cuestións sorprendentes nos contou Fernando Cobo Gradín, profesor da Facultade de Bioloxía da USC, que nos deu unha interesante conferencia hoxe, no noso centro, sobre os ríos e a súa problemática. Unha vez máis temos que agradecer que investigadores en activo, persoas que traballan na construción do coñecemento científico veñan ao instituto contárnolo.

imagen

 Agora abrimos un debate para compartir impresións: que foi o que máis vos interesou? E o que máis vos sorprendeu?  Pensabades que a situación ambiental dos ríos galegos ía ser outra? E sobre o que lles vai afectar aos ríos o cambio climático; que vos pareceu?

Seriamos capaces de elaborar a partir da conferencia un decálogo de boas prácticas relacionadas cos ríos? Propoñede accións para ese decálogo. Animádevos! Despois colocarémolo na exposición

 

Móbiles, radiación e saúde

 

imagen

       Estamos afeitos a relacionar radiación cancro, por iso se hai un tema que esperta polémica é o da radiación emitida polos teléfonos móbiles, aparellos cuxo uso se estendeu coma a pólvora na nosa sociedade. Incluso sabendo que o tipo de radiación que utilizan non ten nada que ver cos perigosos raios ultravioleta, X ou Gamma, teño que dicir me conto entre as persoas nas que xenera certa desconfianza.

 

         Despois da interesante charla que deu Xurxo Mariño no noso instituto martes día 9 parece que podemos estar máis tranquilos: este especialista en Neurociencia da Universidade da Coruña afirma que a día de hoxe os estudos científicos confirman que a radiación emitida por estes aparellos, ao ser non ionizante, non ten ningún efecto sobre os tecidos biolóxicos, e particularmente sobre o tecido nervioso e as neuronas.

        Non sei a vós, pero eu destacaría varias reflexións:

       A primeira, ten que ver con nós, ca importancia de informarnos ben, desenvolver o sentido crítico e non quedarnos co primeiro que nos contan.

       A segunda é que é fundamental que o coñecemento científico se divulgue, particularmente a investigación científica que se está a facer na actualidade, como ocorre neste caso, para evitar temores infundados; por iso agradecemos tanto o labor de xente coma Xurxo Mariño.

     A terceira ten que ver ca necesidade de tomar o coñecemento científico, non como algo definitivo e que establece verdades absolutas, senón como a forma máis rigorosa de abordar o coñecemento. O mesmo investigador afirma que levamos moi pouco tempo usando estas tecnoloxías e que estas conclusións que se sacan a día de hoxe, poden variar no futuro se se fan novos descubrimentos. A ciencia está en permanente construción.

       Por último as miñas reflexións van máis polo lado do uso que facemos deses aparellos; necesitamos usar tanto o móbil? Realmente serve para comunicarnos mellor? E indo máis alá: necesitamos cambiar de móbil tan a miúdo? Ou estamos caendo neste consumismo absurdo de “usar e tirar” que está traendo consecuencias tan nefastas para o planeta?

 

Preparados, listos…Xa!

Si amigos, empezamos un novo curso! E dende o blog de Ciencia contemporánea do IES de Brión queremos dar a benvida a todas e todos os que vos incorporades ao centro, especialmente a aqueles que o facedes por primeira vez. Esperamos contar con vós dentro da comunidade de usuarios deste blog, que pretende ser punto de encontro de todas as persoas interesadas pola Ciencia. Non fai falla ser científica/o, nin sequera ser alumna/o ou profesor/a de Ciencias. Simplemente…Ter interese polo coñecemento científico e técnolóxico.

Este verán producíronse avances científicos importantísimos que estamos desexando comentar: por fin…Parece  que se descubriu o “Bosón de Higgs“: a primeira partícula que existiu unha fracción de segundo despois do Big Bang, polo tanto está na base de todo, do universo tal e como o coñecemos. Tamén se deu un gran avance no estudo do ADN lixo…E descubriuse que non era tan lixo! E a Tecnoloxía, como sempre da man da Ciencia; mandamos o “Curiosity” a Marte e dende alí mándanos de volta fotografías e información que, ben seguro, revolucionará o coñecemento científico planetario.

Todo isto e moito máis para comentar, debater e pasalo ben falando de Ciencia.

Isto non pretende imitar a unha revista especializada senón un medio de comunicación entre nós, na nosa linguaxe, coas nosas palabaras…

Anímate a participar!

 

Que está pasando na illa de El Hierro?

 

imagen

Seguramente estaredes ao tanto das noticias que veñen das Illas Canarias estes días, despois de moito anunciarse (incontables pequenos seismos, ruídos baixo o mar, emisión de gases, peixes mortos) por fin confírmase que se produciron erupcións volcánicas submariñas en El Hierro. Despois dun tempo de incertidume e preocupación os habitantes da Illa respiran un pouco aliviados, as erupcións ocorren a uns 5 Km da costa e parece que non hai risco. E os que esperaban ver unha erupción espectacular que dera lugar a un enorme edificio en forma de cono e que quizais fixera medrar a illa, parece que terán que quedar coas ganas (ou non?).

Impresionan os volcáns: suscitan unha mestura de medo, respecto e admiración; son unha testemuña das fantásticas forzas que se dan debaixo dos nosos pés, forzas que os ser humano non controla…Aínda (?).

Non sei a vós, pero a min véñenme á cabeza un montón de cuestións: que implicacións ten o feito de que sexa unha erupción submariña? Que tipos de lavas se orixinarán? Que consecuencias pode ter para o ecosistema nesa zona? E para os habitantes da Illa? Como pode evolucionar este episodio volcánico no futuro? Medrará a Illa? Aparecerá unha nova?

E unha moi elemental: como se explica a orixe do vulcanismo en Canarias se non está nun límite de placas?

Seguro que tés moito que dicir, comentar, engadir; esperamos as túas achegas.

Fontes: http://www.laopinion.es, www.elpais.es, etc

 

Expandímonos…

imagen

Un ano máis, dende o IES de Brión poñemos en marcha este blog. Este curso con novidades moi interesantes; como se di no título desta entrada: expandímonos, abrímonos a toda a comunidade educativa, a todas aquelas persoas interesadas na ciencia contemporánea que sabemos que son moitas neste centro. Queremos traballar en rede, comunicarnos, debater, pasalo ben e aprender.

Que como podes participar? Se atopas unha noticia sobre un avance científico recente que che parece interesante; cóntanola, estaremos encantados/as de que o fagas; non é o mesmo ler unha noticia no xornal que ler a mesma noticia comentada por unha persoa que coñeces e á que podes dirixirte en calquera momento no centro, ou ben a través dos comentarios.

Abrimos tamén novas categorías, sobre libros e ciencia e tamén sobre cine e ciencia; se liches algún libro ou viches algunha película que trate cuestións científicas, mándanos unha reseña contándonos de que vai e dándonos a túa opinión, agradecerémosche enormemente esa información.

Anímate! Manda as túas propias entradas e manda comentarios ás entradas que manden outras persoas, de calquera das dúas maneiras estarás contribuíndo a manter esta rede que estamos empazando a tecer.

 

O alumnado de Bacharelato de Brión, móvese polos bosques

imagen

A pesar da tarde soleada de primavera, a pesar do cansazo despois dun día enteiro de clases, de final de trimestre (dun looooongo trimestre), estivestes todos/as (ou case) na mesa redonda do martes. Estivestes a altura do que se esperaba de vós: Grazas!

No post anterior debatiamos arredor do bosque e o monte, na mesa redonda falouse diso e de moitas outras cousas, pero estabamos limitados polo tempo. Que ben, que teñamos este blog para continuar o debate xurdido alí, tranquilamente, reflexionando, argumentando e quen sabe se achegando novas ideas que completen o que alí se dixo. Estades invitados a participar tamén os de 2º, esperamos as vósas achegas.

Que é o que dificulta, en Brión e en Galicia en xeral, o facer unha adecuada planificación á hora de repoboar? Paréceche lícito que cada propietario poida decidir con que especies repoboar ou pensas que o goberno debería intervir para evitar males maiores? Que vantaxes ten o asociacionismo entre os propietarios á hora de xestionar os montes? Por que todos os membros da mesa estiveron de acordo en que había que diversificar as especies coas que se repoboa? A día de hoxe, cales vos parecen as medidas máis adecuadas para diminuir os incendios na comarca de Brión? Que é a madeira certificada? Estas e outras moitas cuestións podemos debater, chega con que as propoñades.

E por último: tendo en conta que moitos/as de vós seredes, no futuro, propietarios/as, que medidas tomarías para facer un aproveitamento sostible do monte?

Aproveito para poñervos aquí dúas direccións de páxinas de organizacións que se dedican á certificación da madeira:

http://www.fsc.org/107.html?&L=1

http://www.pefc.es/index.html

 

MONTE OU BOSQUE?

Sabías que o monte en Galicia representa, aproximadamente, o 70 % da superficie?

 

imagen

E de que falamos cando falamos de monte? É o mesmo que bosque?

Para moita xente si, incluso hai que di que aquí “sempre se lle chamou monte” e que a palabra bosque, en galego, é un invento recente. Na linguaxe cotiá a palabra monte non ten unhas connotacións moi positivas que digamos: pensade cando se di de alguén que está “a monte” ou cando se di dun terreo que está “a monte” fronte a outro que está cultivado. Non ocorre o mesmo coa palabra bosque.

 

En termos ecolóxicos o bosque autóctono é a comunidade de seres vivos en equilibrio cas condicións ambientais nunha zona (Comunidade clímax). E para chegar a iso fai falta que un terreo quede “a monte”, é dicir, con pouca ou ningunha intervención humana durante moito tempo.

 

Durante anos e anos a intervención humana permitiu que, en Galicia, se conservaran moitos bosques autóctonos, ou non autóctonos, como o souto, grazas a que o aproveitamento que se fixo deles foi un aproveitamento sostible (si, non se inventou agora iso do desenvolvemento sostible; os nosos antepasados sabían moito diso). Pero as cousas cambiaron; os bosques deixaron de ser valorados como o que son: ecosistemas imprescindibles, e pasaron a ser “monte”, susceptible de ser: queimado, tallado, repoboado con especies foráneas, etc.

 

Busca información sobre os problemas de impacto ambiental que están sufrindo os bosques (no planeta en xeral e en Galicia en particular) e as consecuencias que están tendo, busca tamén sobre os recursos e beneficios que nos proporcionan (incluíndo os riscos que contribúen a evitar)…Verás como descobres cousas interesantes!