Estanos saíndo un corno no cranio!

Varias persoas chegaron á consulta do seu médico nos últimos días preguntando se, realmente, podían ter un “corno” na cabeza.  Pasou en Galicia e non deixa de ser unha anécdota, si, pero, é posible? A alerta dérona os medios de comunicación de todo o mundo facéndose eco de dous estudos. O último, saíu á luz no ano 2018 na revista Nature, foi rescatado pola BBC que publicou un artigo titulado: Como a vida moderna está transformando o esqueleto humano.

imagen

No punto de mira está David Shahar, un investigador dunha universidade australiana, que concluíu que ese corno “estaría vinculado a posturas sostidas asociadas coa aparición e o uso extensivo de tecnoloxías contemporáneas de man, como os teléfonos intelixentes e as tabletas”. Tamén dixo que “os nosos achados tráennos unha preocupación sobre a futura saúde musculoesquelética da poboación adulta moza e reforzan as necesidades dunha intervención de prevención a través da educación para mellorar a postura”.

Shahar estudou xunto ao seu equipo 1200 radiografías dos cranios de varios pacientes de entre 18 e 86 anos. Inesperadamente, a aparición do “corno” foi maior no grupo de 18 a 30 anos. O novo óso máis longo que acharon foi de 3cm nun home e de 2,7 nunha muller. A explicación que atoparon está na vida moderna. Na postura encurvada que usamos para mirar as pantallas, cada vez, durante máis tempo.

Que pasa en realidade? Propiamente falando, non é un corno, é unha protuberancia occipital externa e non é algo novo. “Trátase do que coñecemos como exostose que se forma debido a un sobreuso muscular. Claro que é posible que apareza, pero non sabemos se é debido as novas tecnoloxías”, comenta Vanessa González Vilariño, traumatóloga dun hospital de A Coruña.

A cabeza promedio peso ao redor de 4,5 quilos. Ao mirar o móbil, estiramos o pescozo cara diante. O que sucede, é que os músculos que conectan o lombo coa cabeza se tensan e “deféndense” creando novas capas de tecido óseo; polo que si que podemos ter ese mal chamado “corno”, e incluso, poderiamos chegar a tocalo dependendo da lonxitude que teña. Pero todo isto está moi lonxe de formar parte da evolución do ser humano, pois trátase de algo adaptativo, e como di a doutora “ É algo adquirido e nin sequera é beneficioso. Por ter ese óso non mellora o noso alcance ou equilibrio. Tampouco, en principio, é prexudicial. O único que nos indica é que debemos mellorar a hixiene postural”.

E vos que opinades sobre este descubrimento? Credes que nos deberían ensinar máis sobre o correcto uso das novas tecnoloxías? E ensinarnos máis sobre o mantemento dunha boa hixiene postural?

Fonte: La Voz de Galicia

 

Tags: , , ,

Vostede debe rexistrarse para facer un comentaio.