Olímpic@s por 2ª vez!

 Aínda que a Olimpíada xa foi fai case catro meses, recordo ese día con especial emoción. Tal e como podedes ver nas nosas caras de felicidade, este ano ademais de ser o segundo que nós participamos, non viñemos coas mans baleiras!

A X edición da fase galega da Olimpíada de  Xeoloxía celebrouse o mércores 13 de febreiro na facultade de Bioloxía da USC. Ademais, este ano batéronse récords de participación, pois se o ano pasado na sede de Santiago eramos pouco máis de cincuenta participantes, este ano superouse o cento.

A Olimpíada dou comezo sobre as 11h cunha pequena presentación para despois continuar ata a hora de comer coa proba por equipos, que coma o ano pasado foi unha xincana polo campus na que tiñamos que responder unha serie de cuestións relacionadas coa xeoloxía. Como consecuencia do maior número de participación, este ano tívose que ampliar o percorrido para evitar as aglomeracións por iso nos deixaron máis tempo.

Ao rematar de comer, tivo lugar a proba tipo test das 15h as 16h, e mentres corrixían as probas dividímonos en grupos e realizamos diversas actividades: visitamos o herbario da universidade e o Instituto de Cerámica e amosáronnos unha presentación sobre científicas influentes.

Despois dunha longa espera, pois tardaron máis en corrixir porque eramos moitos, sobre as 18:15h comezou a entrega de premios. O primeiro premio que anunciaron foi o do mellor equipo, e para a nosa sorpresa fomos nós! A verdade e que non o esperabamos e levamos unha alegría enorme. A obtención deste premio é unha nova mostra do poder do traballo en equipo, unha maneira de aprender cooperando, pois sen as achegas que fixemos cada un de nós non teriamos gañado;  cada un/unha de nós aportou algo que nos achegou ata este éxito.

Teño que engadir, que mentres esperabamos a entrega de premios nos estabamos desesperando un pouco xa que ao día seguinte tiñamos exame de matemáticas, pero ao recibir a boa nova a alegría foi tal que nos esquecemos de todo.

Este, foi sen dúbida un día que recordaremos cun cariño moi especial!

 

Tags: ,

Vostede debe rexistrarse para facer un comentaio.