Ciencia en directo dende…A Antártida!
Hoxe estamos de celebración e isto tiña que ser noticia no noso blog. Non todos os días temos a oportunidade de contactar con científicos, ou, como neste caso, científicas, en riguroso directo, dende o lugar onde desenvolven o seu labor investigador…E moito menos se ese lugar é a Antártida!
Adoración Sánchez Mata, Bióloga e investigadora do CIMA (Centro de investigacións mariñas) recibiunos, virtualmente falando, dende a Base Gabriel de Castilla na Antártida. Ao longo do tempo que durou a videoconferencia, falounos do seu propio traballo sobre as comunidades de organismos da zona intermareal, pero tamén dos outros proxectos de investigación que se están levando a cabo, algúns sobre o vulcanismo Antártico; como tivemos ocasión de comprobar por boca dunha das Xeólogas que investigan tamén alí.
Tamén nos falou, Adoración, das particularidades que ten a investigación nese lugar privilexiado, algo que valora tan positivamente que, esquecendo as incomodidades climáticas, entre outras (que seguro que as hai)…Case non é capaz de sinalar nada negativo!
Non sei a vós, pero a min resultoume emocionante esa comunicación directa con persoas tan entusiastas, dende un dos lugares máis emblemáticos onde se está facendo ciencia contemporánea. Invítovos a que fagades os vosos comentarios, reflexións, preguntas (especialmente aqueles que non as puidestes facer por falta de tempo)…Porque ao mellor hai sorpresas!
Déixovos aquí unha ligazón onde podedes ver fotos e información sobre a campaña Antártica 2010-2011:
http://www.ejercito.mde.es/unidades/Antartica/antartica/proyectos_10-11/index.html_1910061517.html