A ILLA DE LIXO NO PACÍFICO XA É TRES VECES MÁIS GRANDE QUE FRANCIA

O continente de plástico, tamén coñecido como illa de lixo, illa tóxica, gran mancha de lixo do Pacífico, remuíño de lixo do Pacífico, illa da contaminación e outros nomes similares, é unha zona do océano cuberta de refugallos mariños e situada no centro do Pacífico Norte. Constitúe un inmenso vertedoiro oceánico que se caracteriza por ter concentracións excepcionalmente altas de plásticos suspendido e outros refugallos atrapados nas correntes superficiais do Pacífico Norte. Segundo un estudo recente da Fundación Ocean Cleanup, a illa de lixo ten xa unha dimensión de 1,6 millóns de quilómetros cadrados. Isto é aproximadamente tres veces o tamaño de Francia ou cinco con respecto ao tamaño de Bos Aires. En comparación, México ten un superficie de 1,9 millóns de quilómetros cadrados, mentres que Perú non pasa de 1,3 millóns. Para a investigación, utilizáronse 18 embarcacións que arrastraron mostras a través de redes de gran envergadura. Con todo, desta maneira non podían medir a extensión total da illa de lixo, así que coa axuda de avións militares, fixéronse fotografías aéreas con sensores especiais para escanear a superficie. Os resultados obtidos teñen moito que dicir sobre a falta total de preocupación polo medio ambiente dos países máis industrializados de América e Asia.

imagen

Por suposto, o 100% dos refugallos son de orixe humana. Os estudos realizados coas mostras recollidas permiten estimar que polo menos o 80% do lixo acumulado neste vórtice provén de zonas terrestres e o 20% de lixo tirado ao mar por barcos. Entre os materiais que compoñen a devandita mancha de lixo, atópase de todo: desde as típicas bolsas de plástico e redes de buques pesqueiros, ata conos de sinalización de tráfico, zapatos, lámpadas e todo produto antrópico que se poida un imaxinar. Dende que se detectou a mancha do Pacífico en 1950, o seu tamaño multiplicouse por 100 e as previsións que hai auguran un crecemento aínda máis acelerado. Na actualidade non existe plan algún por parte de organismos estatais nin supranacionais para limpar estas manchas da vergoña. O feito de que estean localizadas en augas internacionais parece eximir de toda responsabilidade individual aos países que verten os desfeitos. Con todo, esta non é a única illa de lixo que se atopa nos océanos do noso planeta. Detectáronse, polo menos, dous máis: unha no mar dos Sargazos, ao norte das costas de Haití e outra no Atlántico Norte, esta última de centos de quilómetros de longo e cunha densidade de 200.000 fragmentos de lixo por quilómetro cadrado. Debido a estas enormes masas de vertidos flotantes, a superficie dos océano vese ensombrecida por pedazos dispersos de plástico que superan ao plancto nesa parte do océano e expoñen riscos para os peixes, as tartarugas e as aves que se alimentan do lixo. Segundo a ONU, só a mancha do Pacífico causa a morte de 1 millón de paxaros e preto de 100,000 mamíferos cada ano. O máis perigoso son os ínfimos fragmentos que flotan nas augas e son inxeridos por aves e peces. Estes residuos flotantes están formados por compoñentes tales como bifenilos policlorados e hidrocarburos aromáticos policíclicos, os cales producen efectos tóxicos cando son consumidos por erro, provocando mesmo graves problemas hormonais nos animais. As toneladas de plástico tardan varios anos en degradarse é cando o fan pasan a integrarse na dieta de miles de organismos a través das cadeas tróficas. Cabe destacar o desolador caso do cachalote que foi encontrado morto nas costas de Murcia despois de ter inxerido cantidades desorbitadas de plástico.

Cal é a vosa opinión ao respecto destas enormes manchas de lixo flotante do tamaño de países nos océanos? Pensades que estas acumulacións anormais de plástico nos mares poden chegar a afectar a nosa saúde o benestar? Que posibles soluciones creedes que pode haber para este problema? Pensades que este problema débese a unha mala ordenación do terreo?

URL de noticias relacionadas co tema:

http://www.bbc.com/mundo/noticias-43515386

http://www.pensandoelterritorio.com/islas-de-basura-los-vertederos-del-siglo-xxi/

 

Tags: , ,

2 Respostas a “A ILLA DE LIXO NO PACÍFICO XA É TRES VECES MÁIS GRANDE QUE FRANCIA”

  1. tania.br Dixo:

    Estupenda noticia! Moi clara e concienciadora. Ao ler esta noticia síntome profundamente indignada. Con que dereito lle estamos facendo isto ao planeta? É unha barbaridade o que está ocorrendo. Que a dimensión do lixo supere incluso á dimensión de países como Francia é moi alarmante. Xa de por si, o feito de que miles e miles de animais estean morrendo por culpa da especie humana é preocupante, pero o que aínda me parece máis alarmante, é que, a nivel nacional e internacional, ninguén propoña unha solución, a ninguén pareza preocuparlle. Tapar os ollos ante os problemas nunca é a solución!
    Respondendo ás túas preguntas, por suposto que considero que isto pode ter consecuencias na nosa saúde, a contaminación sempre é prexudicial,en maior ou menor medida. Comemos os peixes que se están a alimentar do noso lixo, iso en ningún caso pode ser saudable. Ademais, penso que as solucións deben comezar pola concienciación e información da xente. De seguro, moita xente non sabe nin sequera que existe este mar de lixo, pero si alguén os informara seguro que moitos sentirían, ao igual ca min, indignación. A solución está nas nosas mans, pero debemos abrir os ollos e non mirar para outro lado.

  2. nerea.v.br Dixo:

    Paréceme unha noticia moi impactante. Sabía que a contaminación é un dos problemas que máis nos afecta hoxe en día, pero vendo este mar de lixo máis grande que algún país déixame aínda máis indignada e triste. Parece mentira que non traten de buscar unha solución inmediata a este gran problema.

Vostede debe rexistrarse para facer un comentaio.