Preparados, listos…Xa!
Si amigos, empezamos un novo curso! E dende o blog de Ciencia contemporánea do IES de Brión queremos dar a benvida a todas e todos os que vos incorporades ao centro, especialmente a aqueles que o facedes por primeira vez. Esperamos contar con vós dentro da comunidade de usuarios deste blog, que pretende ser punto de encontro de todas as persoas interesadas pola Ciencia. Non fai falla ser científica/o, nin sequera ser alumna/o ou profesor/a de Ciencias. Simplemente…Ter interese polo coñecemento científico e técnolóxico.
Este verán producíronse avances científicos importantísimos que estamos desexando comentar: por fin…Parece que se descubriu o “Bosón de Higgs“: a primeira partícula que existiu unha fracción de segundo despois do Big Bang, polo tanto está na base de todo, do universo tal e como o coñecemos. Tamén se deu un gran avance no estudo do ADN lixo…E descubriuse que non era tan lixo! E a Tecnoloxía, como sempre da man da Ciencia; mandamos o “Curiosity” a Marte e dende alí mándanos de volta fotografías e información que, ben seguro, revolucionará o coñecemento científico planetario.
Todo isto e moito máis para comentar, debater e pasalo ben falando de Ciencia.
Isto non pretende imitar a unha revista especializada senón un medio de comunicación entre nós, na nosa linguaxe, coas nosas palabaras…
Anímate a participar!