Post de benvida do curso 2010-2011
Benvida á promoción do curso 2010-2011!
Este curso, como no anterior, desde as Ciencias para o mundo contemporáneo intentaremos seguir a pista da Ciencia que se está a facer agora mesmo, da que acaba de saír do forno. Farémonos preguntas arredor dela e intentaremos buscar respostas aguzando os sentidos. Intentaremos informarnos para distinguir entre a Ciencia e a Pseudociencia, entre o feito científico demostrado e a simple especulación, entre Ciencia e Ideoloxía…Veredes que, ás veces é unha tarefa difícil, pero non hai nada que se resista cando hai interese, curiosidade e tenacidade. O premio a este esforzo será o de facernos máis ricos (en saberes), menos manipulables, máis libres!
Un ano máis poñemos en marcha o blog, dentro desta materia, que nos permitirá intercambiar ideas, información, debater arredor da Ciencia e da Tecnoloxía. O que pretendemos é aprender e pasalo ben aprendendo: que mellor, que facelo de xeito compartido! Como o faremos no blog.