As sestas longas, relacionadas coa diabetes
A sesta é unha práctica común en moitas partes do mundo, especialmente na rexión mediterránea. Ata agora, unha sesta curta –de menos de media hora- relacionouse con potenciais beneficios sobre a saúde. Non obstante, unha nova investigación publicada no Journal of Clinical Medicine establece unha relación entre o tempo que se dedica á sesta e o desenvolvemento de diabetes de tipo 2 nas persoas.
Os expertos observaron que, en comparación con non facer sesta ou facelo durante menos de 30 minutos, existe unha maior prevalencia de diabetes tipo 2 e un maior índice de masa corporal e circunferencia da cintura con cada aumento de 10 minutos na súa duración.
O ensaio clínico foi realizado en 2190 participantes de avanzada idade que tiñan sobrepeso e síndrome metabólico, un grupo de afeccións que aumenta o risco de desenvolver problemas cardiovasculares e diabetes tipo 2. Segundo apuntou o investigador principal do CIBEROBN, Jordi Salas, a sesta foi avaliada de forma obxectiva mediante a colocación de acelerómetros (un aparello que detecta a actividade física ou sedentaria realizada ao longo do día).
Anteriores traballos xa mostraban como unha sesta curta pode mellorar o estado de alerta, o rendemento e a función cognitiva, así como reducir o risco de mortalidade. Jordi Salas tamén sinalou que o problema chega cando prolongamos a duración da sesta, especialmente máis de 60 minutos ó día; xa que esta é a duración que se asociou cunha maior morbilidade e mortalidade en comparación coa ausencia de sestas ou as sestas máis curtas.
A investigación está enmarcada no proxecto PREDIMED PLUS (Prevención con Dieta Mediterránea-Plus), un programa intensivo de cambio de estilos de vida para perder peso e previr enfermidades cardiovasculares.
Polo tanto, se somos de durmir sesta debemos controlar o tempo que botamos durmindo, pois se nos pasamos pódenos traer consecuencias moi prexudiciais para a nosa saúde. Que credes vós?
Tags: diabetes, enfermidade, sesta