O furacán que arrasou Porto Rico
Seguramente todos vos teredes oído falar do famoso furacán María, un ciclón tropical extremadamente poderoso que recentemente devastou as illas de Barlovento, Porto Rico e República Dominicana. Os ciclóns tropicais, como María, orixínanse nos oceanos cando as masas de aire quente e húmido dos Trópicos ascenden dando lugar a correntes de convección. Ao elevarse, as correntes de aire cálido e húmido arrefríanse e a auga que levaban forma nubes. Debido ao efecto Coriolis, todo o sistema de nubes e aire xira cada vez máis rápido e crece, alimentado polo calor do océano e a auga que se evapora na súa superficie. No caso do furacán María, apareceu no Atlántico Norte e foi avanzando lentamente ata ser detectado polo Centro Nacional de Furacáns de Estados Unidos o 13 de Setembro cando se dirixía cara o Caribe. Pese a predición da súa chegada, o goberno de Porto Rico, que dúas semanas antes sufriran o paso do furacán Irma, non foi capaz de reaccionar adecuadamente ante o avance deste segundo ciclón cuxos efectos foron aínda máis devastadores que os do primeiro. As fortes inundacións asolagaron a maior parte das estradas mentres que todo o sistema eléctrico e telefónico da illa quedou destruído, deixando a maior parte da poboación incomunicada. A meirande parte das infraestruturas da illa quedaron destruídas e decenas de miles de persoas tiveron que ser evacuadas dos seus fogares. O furacán deixou un gran número de vítimas ademais dunha gran cantidade de danos materiais irreparables. Actualmente o goberno federal dos Estados Unidos está a mandar cada día varios barcos con recursos e persoal que axude a remediar as secuelas desta gran catástrofe natural.
Con todo, moitos expertos ambientais opinan que algunhas infraestruturas de Porto Rico, como a rede eléctrica, estaban mal mantidas e tiña controis anticuados, polo que a illa non estaba todo o preparada que podía estar fronte a ameaza meteorolóxica. Hai que ter en conta que as illas do Caribe como Porto Rico se encontran en zonas cun elevado risco natural xa que cada verano as augas do Océano Atlántico, do Mar Caribe e do Golfo de México aumentan a súa temperatura, o que contribúe significativamente á formación destes fenómenos atmosféricos. Debido a isto, moitos opinan que o goberno de Porto Rico debería prover unhas mellores medidas de prevención contra esta clase de desastres naturais para que non volvan a ter un impacto tan grave na illa.
Que máis sabedes sobre a formación de ciclóns tropicais? Sabedes que escala se utiliza para medir a perigosidade dun furacán? Sabedes en que se basean os criterios desa escala? Pensades que os danos producidos polo furacán María en Porto Rico débense a unha mala ordenación do territorio? Credes que una noticia como esta pode ter importancia nun lugar como Galicia?
URL da noticia: http://cnnespanol.cnn.com/2017/09/22/minuto-a-minuto-huracan-maria-deja-muerte-y-devastacion-en-puerto-rico/
Tags: Furacán María, Porto Rico, Risco Atmosférico
Mércores 11 de Outubro do 2017 ás 11:02 pm
Este é un post moi interesante no que Guille nos conta a dura realidade climática que vén de atravesar Porto Rico. Evidentemente, como el mesmo conta, é normal que nestas zonas tan achegadas aos trópicos se produzan estes fenómenos meteorolóxicos, pero tamén é certo que co quecemento global se están intensificando demasiado. Así, deberiamos anotar este problema na longa lista dos causados polo cambio climático e seguir tomando as medidas que todos coñecemos para poder paliar os seus efectos. Neste caso, creo que é fundamental o papel do goberno á hora de crear leis e proxectos de ordenación do territorio, como ben se di na noticia.
Por outra banda, cabe explicar que a escala pola que se nos pregunta, a que mide a intensidade dos furacáns, é a de Saffir-Simpson. Esta encárgase de clasificar os ciclóns segundo a intensidade dos ventos e foi ideada no 1969.
Finalmente, ao falarmos de Galicia quizais non sexa tan importante estudar a posibilidade de que cheguen furacáns, pois estamos lonxe dos trópicos e non son fenómenos comúns. Con todo, é certo que o cambio climático non fai distincións e xa estamos a sufrir as súas consecuencias cun outono demasiado caloroso, con ciclóxeneses explosivas no inverno… Por iso tamén temos que previr e tomar certas medidas, pero centrándonos nas variacións concretas que se dan aquí.