O dente de lapa: o elemento biolóxico máis resistente
Investigadores da Universidade de Porstmouth descubriron que os dentes de lapa desbancaron á tea de araña como o elemento biolóxico máis duro que se coñece. Aínda que o tamaño destes dentes non supera o milímetro de lonxitude, este feito é posible grazas á súa constitución. Están formados por un composto de proteína mineral denominado goethita, que contén un 63% de ferro. A finura das fibras destes minerais e a ceñida disposición na que se atopan, son os factores que fan posible a súa extrema dureza.
Este equipo científico examinou o comportamento mecánico dos dentes destes moluscos a pequena escala, e para iso utilizaron un microscopio atómico, unha tecnoloxía que permite ir separando os compoñentes de calquera material ata alcanzar o nivel dos seus átomos.
As lapas utilizan os seus dentes para raspar as superficies rochosas que quedan ao aire debido á baixamar para, cando volva subir a marea, poder alimentarse dos restos de algas que flotan na auga.
Segundo estes investigadores, dada a dureza destes elementos, algunhas das aplicacións que poderían ter estas fibras minerais serían: o fortalecemento dos materiais para a construción de avións, coches ou barcos, ademais do seu uso en odontoloxía como empastes.
Por outra banda, tamén poderíamos comezar a crear as nosas propias estruturas seguindo o modelo e os principios de deseño destes dentes.
Fonte de información: http://www.europapress.es/ciencia/laboratorio/noticia-dientes-lapa-son-material-natural-mas-fuerte-20150218111533.html
Sábado 7 de Outubro do 2017 ás 11:18 pm
A verdade é que esta noticia chama a atención desde un principio polo animal do que fala, pois nunca pensaríamos nas lapas como un ser vivo con posibilidades para colaborar no desenvolvemento da ciencia. Na miña opinión, a resistencia destes dentes pode chegar a ter moita importancia no futuro, por exemplo, á hora de fabricar material cirúrxico, próteses… Evidentemente hai moito que investigar, pero quizais se puidese estudar en profundidade a composición destas estruturas para poder imitala e aproveitar a sabedoría da natureza para incrementar a do ser humano. Ademais, como xa se menciona no post, tamén podería ter moito protagonismo noutros ámbitos como o da aviación e outros medios de transporte.
Finalmente, debo dicir que se as lapas nos poden achegar tantos beneficios a longo prazo, seguramente existan outros moitos seres vivos con grandes virtudes para mellorar o mundo actual.